- A formación asegura que as aulas non serán seguras se o goberno da Xunta non aposta decididamente por «baixar as rateos de alumnado a un máximo de 15 por grupo«
En Marea demanda que a Xunta publique, «en aras á transparencia da que tanto presume», en que investiu os cartos asignados do fondo especial para educación, habilitado con 2.000 millóns en maio polo goberno do estado. Desde a formación solicitan que se detalle á poboación «tanto na pública como na concertada, en que se investiu ese diñeiro» e aseguran que, de non ser suficiente, «a Consellería de Educación debería explicar como e cando o van completar para que os centros poidan funcionar coas instalacións, recursos e persoal que merece un sistema educativo como o noso».
A formación asegura que as aulas non serán seguras se o goberno da Xunta non aposta decididamente por «baixar as ratios de alumnado a un máximo de 15 por grupo, pois só así poderán afrontarse as desigualdades estruturais». e critica que se poña en risco a saúde do alumnado «por abaratar custos, pasando a distancia de seguridade dos 2 metros que indica a OMS ao metro e medio que establece o protocolo da Xunta».
Outro dos puntos débiles que ven desde En Marea é a falta de mellora das plataformas dixitais para a formación on line, así como a necesidade «dun plan de formación para todo o profesorado en actualización didáctica e formación a distancia, e un plan integral de acceso dixital en toda Galicia, nomeadamente no rural».
Para En Marea «as citadas medidas deberían terse comezado a implementar hai meses» pero aseguran que «aínda hai tempo de arranxar este caos ao que nos abocou o goberno de Feijóo se hai vontade política para saír adiante sen deixar a ninguén atrás».