En Marea demanda explicacións sobre a actuación do rei emérito

O rei emérito, Juan Carlos I, xa non está en España. Para En Marea, «marchou empurrado polas sombras da corrupción», polo que esixen explicacións, pois «poñer terra de por medio non salvará nin á monarquía nin a Felipe VI», aseguran dende a dirección da formación.

Para En Marea, a monarquía non é só «unha institución cuestionada socialmente dende hai tempo, senón que deixou de ser tamén hai tempo unha institución exemplar». Entenden que o comunicado do rei emérito responde a «unha actuación deleznable para tentar lavar a cara á monarquía e afastar dela as sospeitas de corrupción, cada vez máis evidentes, e os escándalos que protagoniza a familia».

En Marea reclama a república como «o camiño cara a defensa dos dereitos sociais, a plurinacionalidade, a reforma e o progreso».

En rolda de prensa, o presidente do goberno asegurou «o que se xulga non son as institucións, son as persoas» respaldando os pasos dados pola casa real, e insistindo en que «España precisa estabilidade e institucións robustas».

Para En Marea, que o PSOE protexa á monarquía non se entende, inda que aseguran, «a mensaxe a trasladar é clara: dende o Goberno defenden o pacto constitucional, e o pacto constitucional é a monarquía, por tanto, evidénciase que o goberno socialista segue onde está dende 1978».

Para En Marea, o goberno debe actuar como tal, non sendo «unha sorte de reino de taifas», polo que critican a Podemos «que se desmarque de decisións dun goberno do que forman parte cando estas xeran conflitos».

En España, aseguran dende a formación, «mentres Juan Carlos I marcha ante as sospeitas de delitos de corrupción, evasión fiscal e branqueo de capitais que pesan sobre él, o rapeiro Valtonyc leva 800 días en Bélxica por cantar que o rei emérito é un ladrón. España non se merece, aseguran dende En Marea, «unha monarquía imposta por un ditador nin cantantes perseguidos por denuncialo».

España debe aspirar, aseguran dende a dirección de En Marea, «a que ningún representante político séxao por herdanza e que ningunha persoa sexa inviolable ante a lei» e nese senso, critican que «dende o goberno do estado non se tomou ningunha medida nesa liña».

Para En Marea, a xustiza debe ser igual para todos, e, segundo aseguran «se o rei emérito quería despexar a sombra da corrupción, fuxir é a peor alternativa, e buscar os parabens do goberno ante esa decisión, tampouco é a mellor das opcións».

Ante esta sucesión de acontecementos, dende En Marea demandan explicacións e que se poña o foco no debate sobre o modelo de estado, instando ás forzas políticas progresistas presentes no Congreso a promovelo, pois «a Constitución, no seu artigo 168, permite indirectamente un referendo sobre a monarquía, para o que se precisa unha maioría de 3/5 do Congreso, podendo presentar a proposta calquera grupo parlamentar».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha