En Marea demanda unha comisión independente para avaliar a xestión da Xunta sobre a Covid-19

1 minutes read
  • A formación entende que «tralas eleccións visualizouse que o PP non ten plan para atallar esta emerxencia sanitaria que vivimos»

Dende En Marea ven necesaria unha avaliación sobre a xestión da crise sanitaria do coronavirus por parte da Xunta de Galicia. A formación asegura que, desde que se decretou o estado de alarma, «Feijóo e o seu goberno seguen improvisando nas medidas a tomar»; e poñen de manifesto que nunca recibiron resposta por parte do Partido Popular ao documento que lles remitiron en marzo sobre o posicionamento e propostas concretas para facer fronte á crise sanitaria e social promovida pola Covid-19.

Para En Marea, as últimas medidas anunciadas polo presidente da Xunta en funcións, como a prohibición de fumar pola rúa se non se garda a distancia de seguridade, son «unha cortina de fume para desviar a atención do verdadeiramente relevante, que é que o goberno da Xunta non está ofrecendo garantías no relativo á seguridade ante a Covid-19».

Os membros da formación de esquerdas tamén sinalan como «irresponsabilidade» por parte da Xunta a xestión da volta aos centros educativos, pois «a escasos 20 días de que o alumnado volva ás aulas, nin profesorado, nin familias, nin estudantado teñen certeza de nada salvo o sinalado polo protocolo da Consellería de Educación segundo o cal todo seguirá igual». Para En Marea, «é inaudito que desde unha administración pública se poña en risco á poboación deste xeito».

Outra das críticas de En Marea ao goberno da Xunta é que este «non traballe para reforzar a Atención Sanitaria de cara ao futuro en canto a recursos materiais e persoais, sobre todo tendo en conta o colapso que xa padece a Atención Primaria, situación que pronto se verá agravada cando empece a campaña de vacinación da gripe».