En Marea empraza ás novas xeracións a seguir loitando pola prosperidade de Galicia

1 minutes read
  • No Día da Galiza Mártir, En Marea esixe xustiza para ás vítimas da represión franquista, pulando pola restitución da Memoria Democrática

En Marea apela á mocidade do país a seguir loitando «polos dereitos e a prosperidade de Galicia» defendendo que «o pasado non debe quedar no esquecemento, senón que debe servir de exemplo para o presente e o futuro».

Así o comunicaron no Día de Galicia Mártir, que este luns lembraba a Alexandre Bóveda, do que a formación política destacou que é «unha figura simbólica a través da cal lembrar ás persoas asasinadas, vexadas e represaliadas durante a Guerra Civil e a ditadura franquista pola defensa dos seus ideais, do republicanismo».

Dende En Marea avogan pola «nulidade dos xuízos franquistas, de todos os procesamentos, sentenzas, expedientes, condenas e sancións, tanto durante a Guerra Civil como na posterios ditadura».

Para o grupo político, datas senlleiras coma esta deben «servir de lembranza para as novas xeracións, para que mozos e mozas valoren a aqueles demócratas e galeguistas que pagaron coa súa vida a defensa da lexitimidade democrática da República e o mantemento da dignidade do noso pobo». Por este motivo tamén apostan por incluír nos currículos escolares «materiais pedagóxicos adecuados sobre a historia recente, o golpe militar do 36 e as súas causas e consecuencias».