En Marea esixe o cese inmediato do Director Xeral de Montes

2 minutes read

Dende En Marea esixen responsabilidades ante a dramática situación que un verán máis, azota a provincia de Ourense, motivo polo que piden «o cese inmediato do Director xeral de Defensa do Monte da Consellería de Medio Rural», así como «que dende a Xunta se elabore dunha vez un plan de prevención para evitar estas catástrofes».

Dende En Marea aseguran que «mentres en Cualedro, Rebordechau, Vilariño de Conso, Lobios, Laza, A Gudiña, Rairiz de Veiga, Chandrexa de Queixa, etc. a nosa riqueza, a nosa terra, o noso patrimonio, arde un ano máis, o señor Fernández-Couto declara na televisión pública de Galicia que sabía o que ía pasar, onde ía pasar e cando ía pasar»,polo que dende En Marea cualificano como «irresponsable, incompetente e neglixente».

Para En Marea, «a solución para a problemática dos incendios pasa pola política territorial», como veñen indicando dende hai catro anos, asegurando que «mentres non se tomen medidas reais e a longo prazo, continuaremos padecendo esta pandemia anual que fai á provincia de Ourense protagonista dunha actualidade infernal». Para En Marea, neste senso, a Xunta é «incompetente e neglixente», pois ano tras ano, a súa única política é a de «agardar que a choiva remate cos lumes».

Este «non é un problema forestal», aseguran dende En Marea, «é un problema de todo o territorio», cousa que Fernández-Couto segue sen entender, motivo polo que, aseguran, «debe dimitir de inmediato, e se non dimite, debe ser cesado».

Dende En Marea aseguran que «a cultura do lume prevense, e non serve de nada só apagar os incendios», pois «débese reconducir o abandono da actividade agrogandeira e a despoboación do rural, acabar coa eucaliptización e o monocultivo no monte galego».
Dende En Marea tamén envían «moitos azos e forza a axentes forestais, brigadistas, bombeiros e demais persoal que traballa na loita contra o lume».