En Marea esixe o cese inmediato do Director Xeral de Montes


Dende En Marea esixen responsabilidades ante a dramática situación que un verán máis, azota a provincia de Ourense, motivo polo que piden “o cese inmediato do Director xeral de Defensa do Monte da Consellería de Medio Rural”, así como “que dende a Xunta se elabore dunha vez un plan de prevención para evitar estas catástrofes”.

Dende En Marea aseguran que “mentres en Cualedro, Rebordechau, Vilariño de Conso, Lobios, Laza, A Gudiña, Rairiz de Veiga, Chandrexa de Queixa, etc. a nosa riqueza, a nosa terra, o noso patrimonio, arde un ano máis, o señor Fernández-Couto declara na televisión pública de Galicia que sabía o que ía pasar, onde ía pasar e cando ía pasar”,polo que dende En Marea cualificano como “irresponsable, incompetente e neglixente”.

Para En Marea, “a solución para a problemática dos incendios pasa pola política territorial”, como veñen indicando dende hai catro anos, asegurando que “mentres non se tomen medidas reais e a longo prazo, continuaremos padecendo esta pandemia anual que fai á provincia de Ourense protagonista dunha actualidade infernal”. Para En Marea, neste senso, a Xunta é “incompetente e neglixente”, pois ano tras ano, a súa única política é a de “agardar que a choiva remate cos lumes”.

Este “non é un problema forestal”, aseguran dende En Marea, “é un problema de todo o territorio”, cousa que Fernández-Couto segue sen entender, motivo polo que, aseguran, “debe dimitir de inmediato, e se non dimite, debe ser cesado”.

Dende En Marea aseguran que “a cultura do lume prevense, e non serve de nada só apagar os incendios”, pois “débese reconducir o abandono da actividade agrogandeira e a despoboación do rural, acabar coa eucaliptización e o monocultivo no monte galego”.
Dende En Marea tamén envían “moitos azos e forza a axentes forestais, brigadistas, bombeiros e demais persoal que traballa na loita contra o lume”.