En prazo a solicitude das bolsas e prazas en residencias xuvenís para o vindeiro curso


Abre o prazo para solicitar as bolsas e as 223 prazas ofertadas en residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social para o curso 2021/2020, das que 15 corresponden ás persoas bolseiras que non pagan a taxa. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde dirixida a persoas mozas de 16 a 30 anos de idade que por razóns de estudo ou traballo se vexan obrigadas a permanecer fóra do concello onde teñen a súa residencia habitual.

As prazas serán en réxime de internado, o que inclúe aloxamento e mantenza, por un máximo de 11 meses dentro do calendario académico, agás os períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa. No que atinxe á distribución da oferta, 85 prazas correspóndense coa Residencia Altamar de Vigo, 78 co centro residencial lucense Lug e 60 coa Residencia xuvenil Florentino López Cuevillas de Ourense. Cómpre destacar que as residencias xuvenís están adaptadas ás esixencias de seguridade e saúde derivadas da pandemia da Covid-19 e contan con protocolos específicos para poder garantir dita seguridade.

A convocatoria contempla a reserva dun 9% das prazas en cada unha destas instalacións para as mozas que sufran violencia de xénero e para mozas e mozos cuxas proxenitoras a sufrisen. Na valoración das solicitudes presentadas teranse en conta aspectos como: a antigüidade na residencia; a renda da unidade familiar; a situación de familia numerosa; as condicións de orfandade e discapacidade; a residencia, segundo sexa dentro ou fora de Galicia, outras circunstancias sociofamiliares e, no caso de solicitantes mulleres, estar embarazadas e/ou ser vítimas de violencia de xénero.