O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar a convocatoria de subvencións da Deputación da Coruña dirixida aos concellos, agrupacións de municipios, mancomunidades e outras entidades locais da provincia para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística en 2023. A Deputación, a través da área de Normalización Lingüística, que dirixe a deputada María Muíño, destina 550.000 euros, dos que cada beneficiario poderá recibir un importe máximo de 15.000 euros.
Poderán participar todos os concellos, agrupacións de concellos e mancomunidades da provincia. As solicitudes presentaranse de xeito telemático, ata o vindeiro 20 de febreiro, na sede electrónica da Deputación da Coruña, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTeL).
En 2022, 34 concellos de toda a provincia contaron con persoal técnico especializado para a promoción do galego a través desta liña de axudas, para a que a Deputación reservou unha achega de 489.737,14 euros.