En prazo as alegacións á liña de evacuación do parque eólico de Vilartoxo, na Baña

1 minutes read

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a solicitude de declaración de utilidade pública do proxecto da infraestrutura de evacuación do parque eólico de Vilartoxo, no concello da Baña, coa necesidade urxente de ocupación que iso implica.

O anuncio inclúe a relación de bens e dereitos afectados, así como das persoas titulares dos mesmos, que poderán facer as observacións que consideren oportunas nun prazo de 30 días a contar a partir do día seguinte da publicación deste acordo no DOG; isto é, do 21 de setembro ao 3 de novembro de 2023 permanecerá aberto o prazo de alegacións.

O Concello da Baña ponse a disposición dos veciños e veciñas afectadas, que poderán resolver calquera dúbida dirixíndose ao servizo municipal de Urbanismo. O proxecto da infraestrutura de evacuación do parque eólico Vilartoxo (anteriormente nomeado solución de evacuación conxunta dos parques eólicos Barrosino e Vilartoxo), está promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U.

A documentación relativa ao proxecto pode consultarse nas dependencias da Sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Empresa e Innovación (rúa Vicente Ferrer, núm. 2-2º andar, 15071 A Coruña, teléfonos 981 18 49 83 e 981 18 49 82), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas, así como na casa do Concello da Baña. Ademais, tamén se poderá consultar no portal web da Consellería de Economía, Empresa e Innovación.