A Xunta de Galicia viuse obrigada a tomar a decisión de pechar durante 5 días (desde este luns ata o vindeiro venres) a comarca lucense da Mariña, a raíz do contaxio de coronavirus producido nas últimas datas, con 106 casos positivos (7 curados), co que quedan 99 casos activos.
Os municipios afectados son os 14 que conforman a área sanitaria: Alfoz, Barreiro, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove. Aproximadamente 71.000 persoas.
As medidas adoptadas foron publicadas no D.O.G. (Diario Oficial de Galicia) este pasado domingo. Establécese a prohibición de entrar e saír da devandita área xeográfica salvo por causa xustificada, como o desprazamento ao lugar de traballo. Esíxese o uso de máscara en todos os espazos públicos, xa sexan estes abertos ou pechados. Os aforos redúcense do 75% ao 50 % e o horario de peche será as 12. Só servirase en mesa, prohibindo o uso da barra. Ademais de continuar pechados os locais de lecer nocturno e discotecas.
Realizarase unha evolución diaria dos datos para constatar se se prorroga ou non esta situación excepcional.
O primeiro positivo produciuse o 23 de xuño e desde esa data procedeuse ao rastrexo. Realizáronse máis de 2.300 probas PCR. Grazas a un sistema de detección precoz permítese realizar esta proba en 24 horas. De todas elas, 1.100 fixéronse a traballadores e usuarios de residencias, dando resultado negativo.
O Conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuiña indicou que a media de idade é de 35 anos, sendo a idade máis frecuente, 20 anos. O foco vincúlase ao lecer e está concentrado no concello de Burela, co que non habería unha transmisión comunitaria. Tamén resulta destacable o feito de que a extensión do virus podería ter unha coincidencia no tempo co período de incubación da celebración do San Xoán. De confirmarse este extremo, o brote podería ser máis “ controlable”.
O titular da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo xa advertira que non lle tremería o pulso para tomar as decisións que houbese que tomar para evitar a propagación do coronavirus. Algo que, desde moitos sectores da poboación galega, é aplaudido. O problema xorde, e aquí é onde a Xunta debe realizar as medidas oportunas, cando o dereito a voto dun número máis ou menos considerable de xente de Galicia pode non verse garantido.
En principio, o peche de 5 días non afectará as eleccións galegas do próximo domingo 12 de xullo á case-totalidade da poboación da Mariña. Con todo, se terían problemas aproximadamente 600 persoas relacionadas co brote e que permanecen confinadas. Aínda que son, a día de hoxe, 85 as persoas obrigadas a gardar corentena durante 14 días, os algo máis de 500 restantes deberán permanecer nas súas casas baixo o asesoramento da Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os servizos de medicina preventiva.
Sanidade declarou o venres que en función da evolución da pandemia e de acordo coa Xunta electoral, realizaranse as indicacións pertinentes sobre os confinados.
Hai que garantir o dereito ao voto de todos os cidadáns. Máxime cando o prazo do voto por correo expirou. Activar protocolos debidos a tal fin, ante a situación excepcional, que este luns era de 600, pero mañá poderían ser moitos máis, mesmo toda a área, de agudizarse o problema. Sen dúbida, as eleccións han de celebrarse e urxe, posto que a situación de aquí a uns meses podería empeorar notablemente e facelas imposibles. Ora ben, coa participación de todos, sen excepcións.
A aplicación estrita dos valores democráticos xunto coa defensa sen concesións dos dereitos individuais debe ser axioma de calquera goberno, sexa da cor que sexa. A credibilidade da decisión do pobo galego está en xogo e pecharía dunha plumada as posibles suspicacias que isto, puidese xerar.
Estamos a tempo de adoptar as medidas pertinentes que garantan o dereito a voto para este sector de poboación. Unha situación excepcional esixe medidas excepcionais. Débese actuar xa. Sen dúbida non hai mala fe, pero a defensa do voto de todos sería o mellor exemplo e unha clara demostración de eficacia. Agardamos solucións e esperamos a melloría da área da Mariña.
Por.- ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO