En servizo o acceso ao aparcadoiro do Materno desde a rúa Xubias de Abaixo


Estas obras de mellora do firme no acceso aos aparcadoiros do Hospital Materno Infantil fixeron necesario o corte desta rúa, que coincide na zona de aparcamento que hai por baixo do hospital. As obras consistiron na demolición do pavimento e a execución dun novo en formigón.

Agora queda pendente o aglomerado do firme da vía que rodea o centro hospitalario, que prevé acometerse durante a vindeira semana.

A Xunta puxo en servizo nesta contorna 23 prazas de aparcadoiro, 1 delas para persoas con mobilidade reducida, á disposición do persoal e dos usuarios do hospital. A adecuación de espazos de forma ordenada permite acadar 53 prazas.

Ademais a intervención completarase coa renovación da sinalización, como se fixo xa o ano pasado no hospital central.

As actuacións, cun investimento de 195.000 euros, forman parte dun contrato maior que recolle a mellora nos accesos noutros hospitais públicos da provincia, como os de Santiago, Ferrol, Cee e o Barbanza, cun orzamento global de 1 millón de euros.

O proxecto ten como obxectivo favorecer a mobilidade no contorno deste centro hospitalario, ofrecendo unha mobilidade máis cómoda e segura, tanto para os pacientes, como para o persoal sanitario que se achega cada día ás instalacións hospitalarias.