En setembro estará rematada a mellora da seguridade na estrada AC-552 en Arteixo

1 minutes read

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou que en setembro estarán rematadas as obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-552 en Arteixo. A Conselleira xunto co alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, supervisou a marcha destes traballos para eliminar un treito de concentración de accidentes e mellorar a seguridade viaria na contorna da Báscula.

A obra iniciada a mediados de abril e cun grado de execución que supera o 50%, engloba un treito de preto de 1 quilómetro, o situado entre a glorieta de enlace coa autoestrada AG-55 e o viario de acceso á presa de Meicende. As actuacións teñen un prazo de 12 meses, pero considerando o ritmo de execución, poderase adiantar o seu remate varios meses do inicialmente previsto.

Para mellorar a seguridade, execútanse dúas glorietas que facilitarán os xiros. Unha desas rotondas elimina a intersección en T coa rúa do Embalse e ten un diámetro axeitado para os xiros dos vehículos pesados; mentres que a outra glorieta, adáptase ao espazo dispoñible, limitado polas naves.

En canto á construción da glorieta do punto quilométrico 2,8, unha vez realizadas as voaduras na marxe esquerda, comezouse xa coa zahorra e segue o acondicionamento de noiros na marxe dereita; así como coa drenaxe e os cruces do alumeado. Esta rotonda poñerase en servizo de xeito provisional neste mesmo mes de xullo.

Na outra glorieta, do quilómetro 2,5, estanse a executar os encofrados para realizar o formigón impreso xa na próxima semana. Esa rotonda está en servizo desde o pasado 18 de xuño.