En xaneiro rematará a demolición da estación de autobuses de Santiago

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou que a Xunta rematará en xaneiro a demolición da estación de autobuses de Santiago para licitar en marzo as obras da 1ª fase da Cidade de San Caetano, cun investimento de 21 millóns de euros. A intervención que se está a acometer supón a demolición de 13.000 m² de superficie construída, distribuídos en tres andares, manténdose os edificios anexos destinados a oficinas municipais e o parque de bombeiros, que non se demolerá a curto prazo, segundo o acordado co Concello, con quen están coordinadas estas actuacións.

Dotarase así un novo espazo de traballo máis moderno e eficiente, mellor adaptado ás necesidades actuais da administración autonómica, coa conseguinte racionalización e aforro de custos, evitando o pagamento de alugueres.

Nesta 1ª fase construiranse os 2 primeiros módulos do edificio, preto de 10.000 m² destinados a oficinas que permitirán albergar arredor de 650 postos de traballo. Os orzamentos de 2022 recollen a partida necesaria, 7,7 M€, para impulsar as obras da cidade administrativa de San Caetano, ademais da remodelación interior e mellora da envolvente do actual edificio.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha