EncamiñaRSE | Doce mulleres emprendedoras realizarán o Camiño entre Olveiroa e Fisterra

1 minutes read

A Consellería de Emprego e Igualdade, en colaboración coa entidade Lingoreta, promove a iniciativa EncamiñaRSE, un programa que conxuga a ruta xacobea coa mellora dos negocios de doce mulleres emprendedoras beneficiarias do programa Emega.

As empresarias participarán nunha escapada de convivencia -os próximos 13 e 14 de novembro- na que farán en dúas etapas o percorrido do Camiño entre Olveiroa e Fisterra, en total 34,9 quilómetros de distancia, durante os que terán ocasión de compartir cocreación e aprendizaxes.

Esta iniciativa busca conseguir o fortalecemento persoal e profesional de todas as participantes e contribuír a mellorar a súa capacitación como xestoras. Trátase de animalas a seguir crendo e loitando polo emprendemento, a pesares das dificultades, e de guialas no rumbo da idea empresarial.

A estrutura da experiencia leva como fío condutor o tramo do Camiño da Costa da Morte, que une Olveiroa cara a Fisterra. Este percorrido foi elixido polo seu carácter simbólico. Fisterra tense considerado o fin e o inicio de toda transformación, de aí que sexa elixido o mellor punto de finalización desta experiencia.