Encargada a cartografía previa para redactar os plans básicos de 6 concellos lucenses

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar o servizo para a obtención da cartografía previa e necesaria para poder redactar os plans básicos municipais de seis concellos. Son, en concreto, os municipios lucenses de Antas de Ulla, Negueira de Muñiz e Pantón, e os ourensáns de San Amaro, Chandrexa de Queixa e Montederramo.

Divididos en dous lotes, as empresas adxudicatarias disporán dun prazo de 6 meses —a contar desde a sinatura dos contratos— para completar os traballos e obter a base cartográfica das 65.560 hectáreas que abranguen estes municipios, información que se utilizará como punto de partida para a elaboración dos correspondentes PBM.

Cómpre lembrar que este instrumento de planeamento foi creado a través da Lei do solo e está pensado para que os concellos de menos de 5.000 habitantes e sen planeamento xeral —37 en toda Galicia— poidan desenvolver certa actividade urbanística pero sen establecer criterios de crecemento urbano.

Neste sentido, os plans básicos veñen a completar o abano de figuras normativas e de medidas que aprobou o actual Goberno galego desde o ano 2009 para acadar un urbanismo sostible e responsable, como son as Directrices de ordenación do territorio, o Plan de ordenación do litoral, a Estratexia da paisaxe galega, o Plan básico autonómico, ou a lei do solo e a de ordenación do territorio.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha