Encargado o proxecto de peonalización definitiva para varias rúas de A Coruña

coruna.gal

  • Se o piden comerciantes e veciñanza, poderíase estender esta medida durante o período de rebaixas

A alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Mobilidade, Juan Manuel Díaz Villoslada, visitaron este xoves a rúa Alcalde Marchesi para comprobaren da man dos e das comerciantes e da veciñanza o resultado da súa peonalización e das lindeiras Primavera e Compostela nunha aposta pola humanización da zona e pola mobilidade sustentable.

A rexedora manifestou que a medida foi recibida moi positivamente pola cidadanía: “O que atopamos é un apoio absoluto, xente que nos di que o manteñamos así”, polo que estudarán estender a novidade no período de rebaixas sempre que as persoas representantes do sector do comercio o pidan.

O edil engadiu que o compromiso é abrir as tres rúas ao tráfico rodado o día 7, pero que valorarán entre hoxe e mañá as propostas dos vendedores e vendedoras e das persoas residentes. Aínda así preparan xa un proxecto de peonalización completo e permanente que sairá dun proceso de diálogo coas persoas afectadas, e que o comunicarán na próxima Mesa de Mobilidade prevista para finais deste mes. Rey sinalou que hai certa resistencia a pisar o asfalto por parte da cidadanía coruñesa pero que estas cuestións fomentan a humanización e a sustentabilidade, “o futuro da mobilidade urbana pasa por non utilizar tanto o coche e si o transporte público”.