Encontro da Xunta con alcaldes coruñeses para un desenvolvemento eólico sustentable


A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, mantivo un encontro informativo na Coruña con alcaldes e representantes de municipios da provincia sobre os parques eólicos en tramitación. Na xuntanza trasladoulles a necesidade da cooperación institucional entre a Administración autonómica e os concellos para lograr un desenvolvemento da enerxía eólica ordenado e sustentable.

O obxectivo da Administración autonómica é unha planificación ordenada que permita achegar a máxima seguridade xurídica aos proxectos eólicos e respectar o medio natural. Para iso, e entre outras actuacións a través da lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos do 2022, establecerá a partir do próximo mes de xaneiro unha moratoria de 18 meses para poder tramitar coas máximas garantías os expedientes que ten a Xunta nestes momentos enriba da mesa.

A lei de medidas tamén acorda unha nova limitación na distancia dos aeroxeradores con respecto aos núcleos de poboación, pasando dos 500 metros actuais a unha distancia que se calculará multiplicando por cinco a altura do aparello, logrando así un menor impacto visual.

Existe unha oficina de información a propietarios de terreos para facilitarlles a información precisa sobre o método e os criterios de valoración dos terreos afectados, así como a normativa aplicable para a clasificación e cualificación do solo –pódese contactar con este servizo a través do teléfono 881 122 908.