Des-enfocar Fisterra é un proxecto que chegará os días 4 e 5 de setembro a este municipio, que será escenario dun conxunto de artistas, arquitectos, científicos, escritores e profesionais do mundo gastronómico e patrimonial galego. Todos eles porán en valor a vida cultural ao pobo de Fisterra ao tempo que se constitúen unha defensa e promoción da creación artística galega.
O punto de partida do festival será o sábado no Museo da Pesca de Fisterra, onde o poeta Alexandre Nerium fará unha visita guiada. Xa pola tarde, o biólogo Nacho Munilla dirixirá unha busca e exploración, sonora e visual, das aves que viven na vila a través dun percorrido que parte do Porto de Fisterra. A seguinte cita será con Estevo Creus quen, dende a praia de Langosteira, dará un recital poético. Para pechar ben o sábado, un concerto sen movernos da praia escoitando a Su Garrido Pombo.
O domingo comezará cun paseo pola arquitectura partindo da Igrexa de Fisterra da man do artista Christian García Bello. O percorrido continuará no restaurante O Trebón, onde Pepe Formoso dirixirá unha comida comentada cun menú formado por produtos típicos da zona. Para baixar a comida toca un roteiro mariñeiro guiado de novo por Alexandre Nerium. E xa para rematar a fin de semana en Fisterra, un concerto da banda Os amigos dos músicos na praia da Langosteira.
Os interesados en acudir a calquera das actividades poderán consultar o programa detallado no enderezo desenfocarfisterra.pergorma.gal, onde tamén poderán reservar praza de forma individual para cada unha delas. A reserva é obrigatoria para poder asistir aínda que, no caso de non encher a cabida antes dunha actuación, as prazas libres poderán cubrirse por orde de chegada.
