O alcalde e candidato á reelección, Evencio Ferrero, estivo acompañado por Maica Ures, Xosé Regueira, Belén Lendoiro e Luis Lamas no segundo dos 17 encontros coa veciñanza que levarán a cabo ao longo da campaña electoral para presentar #omellorparacarballo, un programa que reúne as súas propostas para seguir facendo de Carballo «un bo lugar para vivir». O alcalde aproveitou o encontro electoral de Sísamo para agradecer a participación da veciñanza na toma de decisións.
Tanto Evencio Ferrero coma Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación e número 3 da candidatura, aludiron aos distintos contratempos que xurdiron ao longo da tramitación da obra da estrada provincial que une Sísamo con Carballo, e cuxo arranxo é unha prioridade absoluta para a veciñanza. Nestes momentos só falta un informe de Augas de Galicia para que o Concello poida licitar a terceira e última fase da travesía, na que se realizará un investimento de 2,4 millóns de euros: 1.789.000 financiados pola Deputación e 652.006 polo Concello.
A participación municipal, que é posible grazas á capacidade de investimento que ten o Concello, permitirá dotar de servizos de saneamento e abastecemento de auga todo o percorrido, ademais de instalar mobiliario urbano e realizar o axardinamento.