Encontro gastronómico de cociñeiros Michelin para fomentar os valores xacobeos

1 minutes read

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, presentou Estrelas Solidarias no Camiño, un evento gastronómico organizado polo restaurante Casa Barqueiro de Negreira que reunirá en Galicia o vindeiro 10 de agosto a varios dos cociñeiros españois máis prestixiosos e recoñecidos pois, en conxunto, suman máis de 30 Estrelas Michelin.

A traxectoria e hospitalidade que brindan Rogelio e Francisco Rial volverá congregar a chefs como Martín Berasategui, Jordi Cruz, Juan Mari Arzak, os irmáns Torres, Eneko Atxa, Jesús Sánchez, Marcos Granda ou os galegos Manuel Costiña e Miguel Ángel Campos, ambos do Grupo Nove. Todos estarán en Estrelas Solidarias no Camiño, unha cita na que colabora a Xunta de Galicia e cuxos beneficios irán destinados a Cáritas.

“Esta iniciativa aséntase sobre algúns dos piares que nos identifican como pobo e nos permite fomentar algunhas das cousas das que nos sentimos máis orgullosos, a nosa gastronomía, o noso patrimonio ou a nosa cultura”, subliñou Román Rodríguez sobre un “evento que fusiona a solidariedade, a gastronomía e o Camiño de Santiago”.