- Este acto forma parte do III Mes do Libro
O Mes do Libro continúa no instituto Maximino Romero de Lema de Baio. Nesta ocasión, o alumnado de 4º da ESO e de 2º de Bacharelato mantivo un encontro literario coa profesora de Xeografía e Historia do centro, Elisa Franco Torres. A escritora falou en dúas xornadas sobre o seu libro Pasaxes na Memoria. Historia e testimonios dos represaliados políticos no concello de Sanxenxo (1936-1950).
A autora reflicte na súa obra as experiencias vividas das persoas afectadas polo alzamento militar que orixinou a Guerra Civil española. Parte importante da súa charla centrouse na Illa de San Simón, antigo lazareto convertido en campo de concentración. O alumnado recoñeceu a realidade que describía Elisa nalgúns dos libros que leran de Agustín Fernández Paz.