O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, sinalou en Santiago que “o acordo -asinado polos traballadores da planta de Alcoa en San Cibrao- é importante, pero o máis importante é que este se cumpra” e que a planta poida volver á actividade en dous anos.
Así o dixo logo dunha xuntanza de traballo coa ministra de Industria, Reyes Maroto, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e os alcaldes e representantes socialistas da comarca para valorar a situación logo da sinatura do acordo de Alcoa cos traballadores de San Cibrao.
O líder dos socialistas galegos explicou que a Comisión de Seguimento do acordo traballará de forma “viva” e estará composta por “interlocutores aplicados, e sobre todo con compromisos reais e permanentes por parte das administracións presentes”. Sinalou así que o Ministerio de Industria será “garante de que a palabra dada –por Alcoa aos traballadores- se cumpra”.
O responsable socialista trasladou o “respecto absoluto” do PSdeG e dos alcaldes da Mariña, na liña do que vén sinalando o Ministerio de Industria, polo acordo votado maioritariamente polos traballadores da empresa. Advertiu que “a cidadanía da Mariña non se pode permitir que os investimentos previstos nos acordos e as melloras laborais se convertan en papel mollado”.
A ministra de Industria confirmou que o goberno “seguirá a deixarse a pel para que a Comisión de Seguimento” garanta que “a planta volva producir aluminio” en prazo e que “a Mariña teña futuro”, recuperando a súa “condición de lugar de oportunidades”. Sinalou que o acordo “non nos satisfai” pola parada das cubas, pero apuntou que “as familias poden estar tranquilas polo mantemento dos postos de traballo”.
Afeoulle ao executivo autonómico a súa “ausencia” nos meses de negociación nos que provocou un “elemento de frustración para todos os que estivemos buscando solucións”, e así lle lo trasladaron na Comisión de Seguimento.