Unha vintena de nenos e nenas de Brión participaron este sábado nuns obradoiros de acuarela e cerámica en frío impartidos na Carballeira polos artistas José A. Regidor, Frutos Casado de Lucas, José Galarzo e María Carmen Martínez. Unha actividade coa que deu comezo o XVI Encontro coa Arte: lembrando a Francisco Fernández del Riego, que ten lugar en Brión ata o domingo.
Acto seguido, os 21 artistas participantes na iniciativa foron recibidos oficialmente polo alcalde, Pablo Lago Sanmartín, quen agradeceu a implicación dos artistas coa mocidade brionesa. “Vindes de facer uns obradoiros e ides compartir sesión de pintura do natural coa rapazada. Grazas, porque conseguir que a nosa mocidade se interese pola arte é fundamental xa que son moitos os beneficios das prácticas artísticas: fortalece a autoestima e a autoconfianza; reduce o estrés e a ansiedade; potencia a memoria e permite unha mellor concentración…”.