A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, fixo entrega dun desfibrilador semiautomático (DESA) para o equipo de Protección Civil do concello de Pontedeume, un equipamento co que a Xunta de Galicia pretende reforzar o material dos servizos de emerxencias municipais desta localidade.
O material proporcionado, co que se completan as dotacións solicitadas polos municipios de menos de 20.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) como é o caso da vila eumesa, inclúe un desfibrilador externo cun mínimo de dous xogos de parches de electrodos, outro de dous baterías, cable de conexión a porto USB, kit de reanimación cardio-pulmonar e mochila impermeable.
Tal e como lembrou a delegada territorial, o DESA é un aparello electrónico portátil e sinxelo de manexar que identifica e trata a parada respiratoria. A súa efectividade radica na identificación automática da desfibrilación ventricular ou dunha taquicardia ventricular sen pulso, restablecendo un ritmo cardíaco efectivo electricamente.