Enreguéifate é un proxecto promovido polos concellos de Ames, Pontevedra, Santiago de Compostela, Teo e Carballo, co que se procura impulsar a improvisación oral en verso e contribuír a través dela á promoción do uso da lingua galega. 261 alumnos e alumnas dos CEIP A Cristina e Fogar e dos IES Isidro Parga Pondal e Monte Neme de Carballo participaron ao longo destas dúas últimas semanas nos obradoiros de regueifa coordinados dende o Servizo Municipal de Normalización Lingüística.
E por que a regueifa?. Pois porque fomenta a capacidade de articular un discurso improvisado e amplía as aptitudes retóricas, e na idade moza, na que se conforma a identidade da persoa, convértese nunha potente ferramenta para desenvolver a autoconsciencia, a seguridade propia e a autoestima.
Os obradoiros para o alumnado constitúen só unha das patas do proxecto. Tamén houbo actividades formativas para o profesorado, e ademais segue aberto o prazo para participar no certame de regueifas en vídeo.