Entidades da Costa da Morte piden que os cidadáns marquen o ‘X solidario’ na súa renda

1 minutes read
  • Integrantes de varias asociacións citáronse en Carballo e formaron un X simbólico

Representantes e persoas usuarias de varias entidades sociais da comarca de Bergantiños acudiron este venres pola mañá á Praza do Concello de Carballo pola presentación da campaña XSolidario2022, un acto simbólico e reivindicativo para lembrar aos cidadáns a importancia de marcar o recadro 106, destinado ás actividades de interese social, na súa declaración da renda.

No acto participaron entidades como Íntegro, APEM Pro Enfermos Mentales, a Xunta Local da AECC da Coruña, a Cruz Vermella de Carballo e a Asociación Deportiva Un Paso Máis. Integrantes das mesmas formaron un X simbólico na praza, onde tamén se leu un manifesto defendendo que é necesario contribuír «máis ca nunca ao funcionamento das entidades sociais que defenden os dereitos da cidadanía», afirman desde Íntegro.