Aínda que no paquete diga que se poden tirar polo váter porque son biodegradables, o certo é que dende que as toalliñas húmidas chegan á EDAR ata que empezan a degradarse poden pasar máis de 48 horas. As fibras que as compoñen poden chegar a formar grandes madeixas que atascan colectores, bombas, válvulas e demais equipos dos sistemas de sumidoiros e depuración.
A proliferación deste tipo de residuos obrigou ao Concello de Carballo a instalar un sistema de desbaste na EDAR da Cepeira. Os equipos, que están funcionando en período de probas, consisten nunhas reixas de cribado nas canles de entrada de auga para reter os restos máis grosos (na súa maioría toalliñas) e evitar que pasen á seguinte fase do proceso de depuración, previndo deste xeito os continuos atascos e avarías que se viñan producindo nos equipos de bombeo. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, achegáronse ata a instalación acompañados polo enxeñeiro municipal, José Facal, para coñecer en detalle o funcionamento do novo sistema.