Entra en servizo o aparcadoiro ampliado do Hospital Teresa Herrera da Coruña

1 minutes read

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou a posta en servizo provisional do aparcadoiro, no que restan pequenos remates da obra. Con estas obras, favorécese a mobilidade en toda a contorna do hospital e facilítase o estacionamento das persoas que cada día se achegan para recibir asistencia sanitaria.

Estes traballos, que comezaron no verán deste ano, permitiron incrementar o espazo destinado a estacionamento e habilitar unha vía perimetral para favorecer a circulación en anel bordeando este aparcadoiro.

Máis en detalle, actuouse sobre unha superficie de 1800 m², na parte traseira do Materno-Infantil, onde estaban os antigos depósitos e balsas de augas residuais.

Así, nesta contorna, procedeuse a habilitar 2 zonas de aparcadoiro, creando 15 prazas nesa zona de balsas e de antigos depósitos, aproveitando e poñendo en valor o espazo dunha infraestrutura que estaba en desuso; e 16 na explanada que xa se viña empregando como aparcadoiro.