O hospital comarcal de Monforte conta cun novo equipo de tomografía axial computerizada, adquirido pola Xunta, por algo máis de 408.000 euros. Con esta adquisición renóvase a tecnoloxía que prestaba servizo desde hai máis de dez anos no centro hospitalario.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto coa directora do hospital Inmaculada Ramos e membros do equipo directivo da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos visitou o equipo e ao persoal do servizo de radiodiagnóstico do hospital que xa comezou a traballar con el nestes días.
Este investimento englóbase dentro dos contratos de adquisición de nova tecnoloxía sanitaria adxudicados ao longo de 2022 polo Goberno galego por valor de máis de 67 millóns de euros, destinados a canalizar os fondos europeos Next Generation, de cara á renovación do equipamento hospitalario.