Entra en servizo o reforzo dos servizos de autobús entre Ferrol e A Coruña


O obxectivo destas adaptacións é reforzar as comunicacións dos municipios intermedios, tras a activación, o pasado 10 de xaneiro, de 55 novos servizos directos entre A Coruña e Ferrol. Para implantar os axustes que entran en servizo tívose en conta as achegas dos usuarios nos primeiros días de funcionamento da reestruturación das liñas que conectan as dúas cidades.

De modo máis detallado, na conexión entre A Coruña e Ferrol, restablecese a circulación por estrada da última frecuencia que sae da Coruña cara a Ferrol de luns a venres ás 22,00 horas.

Na área de Ferrol, para mellorar os servizos cara a Pontedeume, adáptanse horarios e o percorrido de varias liñas, destacando, entre estes cambios, o do servizo das 08,40 horas que sae de Ferrol cara a Vigo, que adianta a súa saída ás 8:35 e pasa a realizarse por Laraxe (Cabanas).

Con respecto aos horarios, na franxa do mediodía, a expedición das 16,45 horas adiántase ás 15,20 horas, facilitando o regreso dos estudantes da zona de Cabanas, Fene e Pontedeume.

Ademais, a liña que une O Seixo (Mugardos) con Pontedeume amplía o seu itinerario para saír desde a Praza de Galicia, en Ferrol. Este axuste incrementa a conexión por estrada das localidades da área de Ferrol en horarios axeitados ás xornadas lectivas dos institutos.

Entre Ferrol, Ares e Mugardos optimízanse os servizos de primeira hora da mañá coa creación dunha liña circular que permite atender a demanda existente entre os concellos da área de Ferrol para acudir ao IES de Mugardos e mellorar as conexións de ida e volta aos municipios de Ares e Mugardos.

Tamén se crea unha nova liña Pontedeume-Miño-Betanzos, que contará cun servizo ás 15,25 horas para facilitar os traslados principalmente dos estudantes e que posibilita enlazar co autobús directo de Betanzos á Coruña das 16,30 horas.

Outro punto de atracción de demanda sobre o que se recibiron peticións referidas ao transporte público é o polígono industrial de Bergondo. Para atendelas, creouse unha nova liña circular entre Betanzos e A Coruña na que se incorporan paradas dentro do parque empresarial, con servizos adaptados aos horarios de entrada á primeira hora da mañá.