Entra en servizo o sistema de avisos á poboación ante emerxencias

Este sistema, integrado na Rede de Alerta Nacional, está xestionado polo Ministerio do Interior a través do Centro Nacional de Seguimento e Coordinación de Emerxencias (CENEM) da Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias.

A activación deste procedemento permitirá dar unha resposta moito máis rápida e eficaz ante situacións de especial gravidade que poidan repercutir directamente sobre a poboación. As alertas enviaranse de forma automática a todos os teléfonos móbiles da zona afectada, un proceso coñecido como ‘112 inverso’. Está dispoñible en calquera parte do territorio español con cobertura de telefonía móbil, xa sexa 2G (GSM), 3G (UMTS), 4G (LTE) ou 5G.

Todas as administracións públicas estatais, autonómicas ou locais que poidan contribuír á detección, seguimento e previsión de ameazas de perigo inminente para as persoas e bienes, comunicarán a situación ao CENEM para que este organismo poida xerar unha alerta xeneralizada e inmediata na zona de risco. O aviso facilitará que a poboación poida protexerse ante fenómenos como como inundacións, incendios, fenómenos meteorolóxicos adversos, volcánicos ou accidentes químicos, entre outras emerxencias.

A posta en marcha desta plataforma forma parte das medidas do Plan para a Conectividade e as Infraestruturas Dixitais, incluído á súa vez no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O sistema está financiado con cargo aos fondos do Plan de Recuperación e púxose en marcha grazas ao acordo asinado en xullo de 2021 entre os ministerios do Interior e de Asuntos Económicos e para a Transformación Dixital.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha