Entra na última fase a execución do proxecto de mellora viaria en Soandres, na Laracha

Así o puideron comprobar o concelleiro responsable da área de Obras Públicas, Pablo Cambón, e o edil Manuel García Montes, natural e residente nesa parroquia, durante unha visita ao lugar das intervencións, a estrada que comunica os núcleos de Encián e As Senras.

O proxecto inclúe a renovación da superficie de rodadura e a limpeza de cunetas que xa están executadas na súa totalidade para facilitar o tránsito dos vehículos. Tamén foron perfilados varios noiros para evitar desprendementos e aumentar a seguridade na vía. Só restan por levarse a cabo a instalación dunha barreira de protección nunha das marxes para garantir unha circulación máis segura ante o desnivel existente cara ás parcelas lindeiras e a sinalización horizontal e vertical necesaria para optimizar a visibilidade e favorecer a condución en condicións máis adecuadas.

Con este proxecto o Concello mellora as conexións entre os citados núcleos de poboación da parroquia e, ao mesmo tempo, facilita un acceso máis cómodo e seguro ao mosteiro de San Pedro, o elemento patrimonial máis importante do termo municipal.

A obra supón un investimento de 58.000 euros cofinanciados pola Deputación da Coruña a través do Plan Único de Concellos POS+.

Related posts

Camariñas incorpora no Plan Único obras por valor de 681.000 euros

Afaber acerca o seu Proxecto de Sensibilización Interxeracional ao alumnado do IES Alfredo Brañas de Carballo

O Concello de Carballo continúa a apostar polo galego como elemento clave de integración social