Entran a roubar nunha lavandería da Illa de Arousa dúas veces en 24 horas

1 minutes read

O dono da lavandería do Naval na Illa de Arousa tivo á primeira hora do mércores a sensación dun xa visto desconcertante. No seguimento da videovixilancia do local observou que o individuo que onte á mesma hora entrara a roubarlle nas máquinas volvía ás andadas.

«Pareceume que estaba soñando. Surrealista total; isto non pode ser verdade, que me estean volvendo… á parte, era a mesma hora de onte. Pareceume totalmente surrealista. Non me parecía verdade. Quedei un pouco flipando e logo dixen, é verdade», relata Juan José Millán, propietario da lavandería.

O home, duns 54 anos e veciño de Noia, colleuno a Policía Local para, logo, entregalo á Garda Civil. Acababa así unha andaina de 24 horas na que procurou por dúas veces a recadación dunhas máquinas a unha hora en que practicamente estaban baleiras.

Desde a súa casa, o propietario do negocio observou como o ladrón interrompía a súa acción ao chegar alguén á lavandería, el entraba en diálogo como se nada pasara. Iso foi a mañá do martes: «Como podo falar a través do sistema de videovixilancia, díxenlle que marchara ou chamaba a policía. Foise e presentei a denuncia, porque intentou forzar as máquinas», di Millán.

Se o botín de onte foi de pouco valor, o detido non conseguiu nada hoxe e por riba deixou na lavandería un pantalón que, presumiblemente, usou como autoxustificación para entrar a roubar as moedas das máquinas dunha lavandeira autoservizo en días de pouca demanda e en hora de madrugador.