Entran en servizo 28 fontes públicas de auga potable nos 18 concellos do Camiño Inglés

1 minutes read

Unha rede de 28 fontes públicas de auga potable entra en servizo nos 18 concellos que conforman a traza do Camiño de Santiago Inglés. Os concellos beneficiarios son: Santiago de Compostela, Ordes, Carral, Mesía, Oroso, Betanzos, Abegondo, Miño, Paderne, Cambre, A Coruña, Ferrol, Narón, Cabanas, Culleredo, Pontedeume, Fene e Neda.
Para levar a cabo esta iniciativa, colaboraron distintas administracións, entre elas as consellerías de Infraestruturas e Mobilidade e de Sanidade, a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Abegondo, a ADR Mariñas-Betanzos ou a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia.

O obxectivo é conformar unha rede piloto formada por 28 fontes de auga para o consumo humano, cubrindo as necesidades dos usuarios do Camiño de Santiago Inglés e sendo tamén apta e accesible para servir á poboación local.

O deseño de todas as instalacións é uniforme, seguindo o prototipo para fontes naturais, deseñado especificamente polo Instituto Tecnolóxico de Galicia no marco desta acción.

As fontes dispoñen de billas con protector en aceiro inoxidable satinado e pulsador temporizado, cubertas de granito e laterais de piñeiro.