Entran en vigor os Orzamentos da Xunta para 2023


Co empezo do novo ano entran en vigor os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2023, unhas contas que son as máis altas da historia da Comunidade, que ascenden a 12.620 M€ e que nacen co obxectivo de axudar, protexer e acompañar ás familias que máis o necesiten e ás empresas na conxuntura actual. Ademais, son tamén uns presupostos de impulso, do impulso que Galicia necesita. Un impulso baseado nunha política fiscal propia e previsible que aposta por baixar os impostos todo o posible; no reforzo constante e continuo dos servizos públicos, no endebedamento responsable e en máis reforzo no investimento produtivo.

Os orzamentos recollen unha serie de medidas de alivio fiscal e de fomento da competitividade para axudar a mitigar os efectos da alza de prezos. No Imposto da Renda, defláctanse con carácter retroactivo a 1 de xaneiro de 2022 os tres primeiros tramos do IRPF e rebáixase por cuarta vez en nove anos o IRPF, neste caso, o tramo autonómico máis baixo para rendas máis modestas, que pasa do 9,4 % ao 9 %. Os cidadáns galegos aforrarán na declaración deste 2023 unha media de 476 € en relación ao que pagaban en 2009.

Por outra banda, Galicia será a primeira comunidade en equiparar a efectos fiscais as familias con dous fillos ás familias numerosas cunha dedución de 250 euros no IRPF. Tamén se duplica a dedución que se aplica ás familias numerosas co que a dedución das familias con tres fillos será de 500 €, cun aumento doutros 250 € por cada fillo a maiores.