- Á entrega de diplomas asistiron o alcalde de Carballo e o concelleiro de Formación, Innovación e Emprego
Os participantes do curso de márketing para emprendedores organizado polo Carballo Coworking recibiron os diplomas desta formación nun acto celebrado no Fórum Carballo e ao que asistiron o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Formación, Innovación e Emprego, Iván Andrade. Con esta entrega de recoñecementos púxose fin á cuarta e última sesión dun programa impulsado pola Oficina de Promoción Económica do concello carballés, na que participaron un total de 13 emprendedores e autónomos desde o pasado 27 de maio.
Andrade destacou que o éxito de inscrición e participación neste curso vén motivada pola “incesante demanda formativa en materia de novas tecnoloxías e dixitalización, incrementada aínda máis tras a pandemia”. Así, asegurou que “desde o goberno apostamos por unha formación de calidade e adaptada ás novas necesidades para poñer ao alcance dos cidadáns todas as ferramentas necesarias para mellorar as súas posibilidades de éxito e, polo tanto, a empregabilidade”.
Pola súa banda, o alcalde agradeceu a participación de todos os asistentes e lembroulles a importancia dunha formación continuada, especialmente no ámbito das tecnoloxías, co desexo de que “esta formación resulte de utilidade e proveito para desenvolver os proxectos que tedes en marcha e adaptar as vosas empresas aos novos tempos”.