Entrega dobre do Premio Elías Valiña


Este luns tivo lugar a entrega das dúas últimas edicións do Premio Elías Valiña, onde se loou o papel dos galardoados para manter viva e promover a cultura xacobea.

En concreto, entregáronse os premios da XXI e XXII edición, nos que foron distinguidos a Asociación Xacobea de Almería Camiño Mozárabe, os Amigos do Camiño Xacobeo dos Pirineos Atlánticos, a Asociación de Amigos do Camiño en Soria e a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Hungría pola súa aposta pola hospitalidade e tamén por contribuír a manter os valores do Camiño.

Ademais, recoñeceuse tamén a Antolín de Cela Pérez, cuxo labor como promotor de numerosos proxectos culturais e sociais no Bierzo ten servido para recuperar e restaurar o patrimonio relixioso xacobeo e, a título póstumo, ao médico, antropólogo, docente e académico galego José Carro Otero, polo seu traballo a favor da investigación e divulgación mediante unha perspectiva científica e humanista integral.

Participaron no acto o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.