Cee | Entrega dos Premios Académicos Fernando Blanco 2022-2023

2 minutes read

A Fundación Fernando Blanco de Lema e o I.E.S. Fernando Blanco de Cee entregan este venres 20 de outubro os Premios Académicos Fernando Blanco correspondentes ao Curso 2022-2023. Esta iniciativa, xurdida no Curso 2011-2012, naceu cun dobre obxectivo: por un lado recoñecer e premiar o esforzo, aplicación e resultado do alumnado do centenario instituto ceense, e, por outro, recuperar unha tradición histórica da entidade, posto que xa no regulamento de 1886, recollíase a necesidade de agasallar aos mellores expedientes de cada curso.

Ao longo das edicións anteriores foron agasallados un total de 55 alumn@s do centro educativo da vila da Xunqueira. Ao igual que en edicións pasadas, ditas Becas Premio teñen por finalidade premiar a 5 dos mellores expedientes académicos do I.E.S. Fernando Blanco de Cee (cursos: Módulo II de Educación de Persoas Adultas; 3º da E.S.O; 1º Bacharelato; 1º de Ciclo Medio e 1º de Ciclo Superior). Cada un dos Premios está valorada en 500 € (220 € en metálico e 280 € en vales de compra a consumir en algúns dos establecementos colaboradores).

O alumnado que opte a estas Becas Premio deberá ter todas as materias aprobadas no mes de xuño, cunha nota media mínima de 8,5. A cerimonia de entrega das Becas Premio celebrarase no salón de actos do I.E.S. Fernando Blanco, e previamente o alumnado premiado nesta edición fará a tradicional ofrenda floral no sepulcro do fundador, situado na capela do centro educativo ceense. Para levar adiante esta iniciativa, a Fundación e o I.E.S. Fernando Blanco contarán coa colaboración de varios establecementos que, ano a ano, son fieis á súa cita con estes galardóns, e aos que a Fundación Fernando Blanco e a comunidade educativa do I.E.S. Fernando Blanco de Cee queren amosar a súa mais sincera gratitude.

Os patrocinadores son: O Semáforo de Fisterra; Centro Comercial Finis Terrae; Aurora Sport Dequip; Ler Librerías; Fersi Papelería; Cabo Sport; Parques e Xardíns Manuel García; Aplicacións Informáticas Costa da Morte; Roberto G. Rigaut Mapfre; Inforneria e Abanca.