A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ana Ortiz, firmou a venda de tres novas vivendas de promoción autonómica a outras tantas familias que resultaron adxudicatarias tras finalizar as obras de rehabilitación do edificio situado no número 13 da rúa Real.
A representante autonómica procedeu así á entrega das chaves aos adxudicatarios das vivendas da promoción de Real 13 que permitiu recuperar un dos maiores edificios construídos no barrio histórico vigués. O inmoble, levantado sobre un solar de 116 metros cadrados, conta cunha fronte de fachada cara á rúa de 10,24 metros. Foi adquirido polo CCVV en decembro de 2019 e a súa reforma supuxo un investimento de 605.150,50€.
Trátase dunha das principais rehabilitacións na zona baixa do Casco Vello de Vigo realizada nos últimos anos, cunha situación excelente ao estar moi próxima a puntos de interese como a praza do Berbés, a Concatedral, A Laxe ou a praza da Constitución. Cada unha das novas residencias ten unha superficie aproximada de 63 metros cadrados e conta cun dormitorio, un baño, comedor-cociña e zona de servizos. Na mesma rúa sitúase tamén a sede dos Rexistros Mercantís de Vigo, construídos sobre unha serie de edificios adquiridos no seu momento polo organismo público.