Entregadas en Vigo as compostelas aos tripulantes da Iacobus Maris

1 minutes read

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, pechou este domingo no peirao de Transatlánticos os actos da Ruta Iacobus Maris, a frota de veleiros que converteu á cidade durante catro días no porto base da ruta xacobea máis longa da historia. Acompañada polo presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Vázquez Almuiña, e o presidente da Fundación Traslatio, Mario Cardama, a representante autonómica fixo entrega das Compostelas a parte dos 150 tripulantes que completaron a súa peregrinación marítima.

Os participantes na Ruta Iacobus Maris completaron o sábado na capital galega a súa peregrinación para conmemorar a viaxe do corpo de Apóstolo ata Santiago de Compostela. Tras chegar a Vigo, os tripulantes realizaron o resto do seu percorrido cunha travesía en catamarán desde Vilanova de Arousa ata Pontecesures, e posteriormente fixeron o tramo a pé desde Milladoiro ata a Catedral de Santiago. A ruta xacobea marítima estivo dividida en catro etapas e visitou cinco portos ao longo dunha peregrinación de 1.600 millas náuticas que partiu da localidade italiana de Xénova o pasado 26 de xuño e que chegou o venres a Vigo tras tocar os portos de Valencia (1 ao 3 de xullo), Sevilla (8 ao 10) e Oporto (16 ao 19).