Entregado en Bergondo o premio do II Concurso de Poesía Filomena Dato


O salón de plenos do Concello de Bergondo acolleu este sábado o acto de entrega do premio do II Concurso de Poesía Filomena Dato organizado polo Concello. Lucía Durán Paredes é a autora premiada nesta ocasión con ‘Cartografía dos nomes’. Durante o acto tamén se procedeu á presentación da obra gañadora o ano pasado xa editada. Trátase de ‘Ave do Paraíso’ de Lorena Conde.

As gañadoras deste certame poético responden a perfís diferentes. Por unha banda, Lorena Conde é xa un nome coñecido, unha poeta e dramaturga con traxectoria. Mentres que Lucía Durán é unha nova voz que emerxe na poesía galega a través desta iniciativa bergondesa.

Á hora de decidir premiar ‘Cartografía dos nomes’ o xurado valorou o texto “a súa voz xenuína e a honestidade nun orixinal no que destaca a limpeza e a emoción. A sinxeleza é nel un valor crucial. Quéreselle dar voz a personaxes que moitas veces non a teñen”.

O premio ten unha dotación económica de 2.000 euros. A maiores, o poemario gañador será publicado pola editora Apiario na súa colección de poesía, do mesmo xeito que a obra premiada o pasado ano que xustamente se presentaba en primicia no acto.

A autora deste ano levou tamén como recordo da súa visita a Bergondo unha ilustración da figura de Filomena Dato do artista gráfico Luís Galán, así como un exemplar de ‘Follatos’, para que poida coñecer a obra da escritora que dá nome ao premio.