Entregados en Carballo os premios do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís

1 minutes read

“Estamos nunha sala na que hoxe se unen os nomes de dous carballeses, Alberto Gende e Xosé Manuel Eirís, que seguen nos nosos corazóns. E precisamente por iso ben está que ano tras ano sigamos lembrándonos desas persoas que tanto lle teñen aportado á arte e á cultura neste concello e neste país”. Con estas palabras, Evencio Ferrero pechou o acto de entrega dos premios do certame fotográfico que leva o nome de Xosé Manuel Eirís e que se celebrou este xoves 27 na Sala Alberto Gende do Pazo da Cultura.

Foi un acto especial, porque 25 anos non se celebran todos os días, e por iso non podían faltar nin o pastel nin as candeas de aniversario. Pero ademais houbo reivindicacións, como a que fixo Verónica Ramilo, gañadora do Premio especial Carballo, para animar ás mulleres a presentarse a este tipo de concursos. E mesmo houbo unha intervención inesperada, en inglés, do artista británico Fred Langford Edwards, afincado en Barizo (Malpica), que deu pé ao alcalde para manifestar o seu desexo de que o noso certame reciba tamén o recoñecemento internacional.

O alcalde, Evencio Ferrero, fixo entrega ao valenciano Xavier Ferrer Chust do premio de 1.500 euros que lle acredita como gañador do concurso pola súa imaxe “Díptico 678”. O segundo premio, dotado con 750 euros e patrocinado pola Fundación Luís Calvo Sanz, foi para o fotógrafo ourensán, Miguel Gómez Muñiz; en tanto que o Premio Especial Carballo, patrocinado por Interfilm e dotado con 500 euros, levoullo Verónica Ramilo Graña pola súa fotografía “Ou posto de Angelita de Lendo”. Por último, houbo un accésit de 300 euros para Iago Pensado Malleu.