Os galardóns, promovidos pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), contan con dúas categorías -profesional e pacientes-, tendo por obxectivo poñer en valor as ideas innovadoras nas que traballan os profesionais sanitarios do Sergas, os seus pacientes e as asociacións sen ánimo de lucro, na procura de mellorar a calidade de vida da poboación e na sostibilidade do sistema sanitario público.
Nesta segunda edición participaron un total de 99 proxectos, dos que 75 corresponderon á categoría profesional e 24 á modalidade de asociacións e pacientes.
Así, na categoría profesional, os dous proxectos que resultaron premiados este ano foron ‘TelecardioCHUS’ , e o programa ‘ReCO, de rehabilitación cardio oncolóxico’.
O primeiro deles, presentado polo equipo formado por José Ramón González Juanatey, Alejandro Virgós, Pilar Mazón e Rosa Represas, permitirá adaptar o modelo asistencial baixo a premisa de resolver no nivel asistencial axeitado os actos médicos, para evitar aqueles que non aporten valor nin aos pacientes nin ao sistema.
Pola súa banda, o programa ‘ReCO, de rehabilitación cardio-oncolóxico’, presentado polo equipo composto por Bibiana Villamayor Blanco, Carlos Peña Gil, Milagros Pedreira Pérez e José Ramón González Juanatey, incide no uso dos espazos dispoñibles para a Rehabilitación Cardíaca co ánimo de desenvolver programas de rehabilitación en pacientes con cancro. Neste senso preténdese convertelos nunha ferramenta terapéutica que contribúa á mitigación dos seus efectos secundarios.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiu, no Hospital Universatario Lucus Augusti de Lugo, a entrega dos II Premios á Innovación en Saúde do Sistema Público de Galicia. Alí recoñeceu o traballo desenvolto por ambos equipos profesionais, agradecendo asemade a súa dedicación, a súa entrega diaria e a excelencia no traballo de cada un dos seus compoñentes.