O alcalde, José Manuel López Varela, presidiu o acto de entrega dos premios da IV edición do concurso fotográfico A Laracha no Obxectivo, unha iniciativa municipal que busca poñer en valor o patrimonio natural, arquitectónico, cultural e etnográfico do municipio, ademais de reforzar a súa proxección turística e aumentar o arquivo fotográfico do Concello.
O acto tamén contou coa participación da concelleira de Cultura, Patricia Bello, e da técnica de Cultura e Turismo do Concello, María Canedo, xunto cos gañadores dos tres premios da modalidade “Xeral” do certame. Ademais da dotación económica correspondente, cada premiado recibiu un cadro coa súa fotografía.
Nesta convocatoria presentáronse preto de medio centenar de imaxes na modalidade “Xeral”, o que supón un incremento respecto ás edicións anteriores e evidencia o interese crecente da cidadanía polo concurso. O xurado profesional, composto por Raúl Lorenzo, realizador audiovisual, Irene Boquete, representante de A Taberna e membro de CMAT e APTCM, e a propia técnica municipal María Canedo, avaliara as propostas atendendo á súa composición, creatividade, tratamento da luz e capacidade para reflectir os valores paisaxísticos e culturais da Laracha.
Durante a súa intervención, o alcalde destacou “a calidade e a cantidade das fotografías presentadas, que pasarán a formar parte do arquivo fotográfico municipal e contribuirán a seguir difundindo a identidade do noso territorio”. López Varela felicitou tamén “aos participantes, todos eles afeccionados á fotografía, polo esforzo, a dedicación e o talento amosado nesta nova edición”.
Os 1.500 euros en premios repártense do seguinte xeito:
1º premio (600 €): Lúa decrecente polo santuario, de Antonio Fernández Martínez. A instantánea capta a lúa decrecente aliñada co campanario do santuario dos Milagres, cunha silueta aviar sobre o pararraios que engade singularidade a unha escena meticulosamente planificada. O xurado salientou o forte impacto visual e a preparación técnica que require unha composición deste tipo.
2º premio (400 €): Memoria de piedra, de Jonatan Mesías Torres. A obra ofrece unha visión pouco habitual do litoral de Caión centrada na súa dimensión pétrea. A perspectiva baixa, a riqueza de texturas e o diálogo entre terra e mar foron elementos especialmente valorados polo xurado.
3º premio (250 €): Fogar das xacias, de Iván Gómez Costa. Realizada na contorna do muíño Grande de Gabenlle, a fotografía utiliza unha longa exposición para lograr o efecto seda da auga. O xurado recoñeceu a coidada composición e a capacidade para transmitir harmonía a través dos elementos naturais.
Na modalidade “Redes Sociais”, dotada con 250 euros, resultou gañadora a fotografía Memorias de auga e cerne, de Iria Boza Martínez, veciña de Golmar, tras acadar o maior número de reaccións positivas na páxina de Facebook Turismo da Laracha durante o período de votación.
Un ano máis, A Laracha no Obxectivo confirma o seu papel como plataforma para divulgar o valor ambiental, paisaxístico e patrimonial do municipio, reforzando o seu atractivo turístico e favorecendo unha mirada sensible e respectuosa cara á contorna.