Entregados os premios do concurso fotográfico ‘A Laracha no obxectivo’

Entrega de premios 'A Laracha no obxectivo'_Concello

  • A imaxe gañadora na modalidade Xeral será empregada na felicitación de Nadal do Concello

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a concelleira de Cultura e Turismo, Patricia Bello, entregaron este xoves os premios aos gañadores da primeira edición do concurso fotográfico A Laracha no obxectivo, dotados cun total de 1.150 euros.

O acto desenvolveuse no Salón de Plenos da Casa do Concello e cada galardoado, ademais da gratificación económica, tamén recibiu unha copia impresa en cartón pluma da súa fotografía premiada.

O concurso constaba de dúas modalidas: Xeral e Redes sociais. Na primeira, a fotografía gañadora foi Lúa chea polo santuario dos Milagres, de Antonio Fernández. Ao atoparse o autor fóra de Galicia recolleu o premio Mabel Varela, que leu un comunicado escrito por Fernández explicando o proceso que levou a cabo durante varios meses para tomar a fotografía da lúa chea (lúa de outono, tamén chamada lúa da colleita) sobre o templo, a unha distancia duns seiscentos metros e coas condicións climatolóxicas idóneas. O autor tamén quixo agradecer ao Concello unha iniciativa que permite «poñer en valor todo o potencial turístico do municipio». Lúa chea polo santuario dos Milagres será empregada polo Concello na felicitación de Nadal institucional.

Na modalidade Redes sociais a imaxe máis votada foi Excepción, de Laura Liset Valdés González, unha posta de sol sobre o mar da praia de Caión que obtivo 597 valoracións positivas e pola que a autora recibirá 200 euros.