Entregados os Premios Emprende Coruña, da Asociación de Jóvenes Empresarios

1 minutes read

O Salón de Plenos do Concello acolleu a vixésimo primeira edición dos Premios Emprende, organizados pola Asociación de Jóvenes Empresarios, que homenaxeou a Sandra Armas pola súa traxectoria de máis de 20 anos. Nun acto no que tamén estivo presente o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, a alcaldesa, Inés Rey, destacou que a iniciativa do colectivo de distinguir as mellores ideas emprendedoras que afloran na provincia é clave “neste difícil contexto da pandemia da COVID-19 para valorarmos máis aínda a cultura emprendedora, polo seu potencial na xeración de riqueza, emprego e benestar social.” Conde subliñou a valentía dos emprendedores para axudar a Galicia no actual contexto social e económico, apuntando que “se temos emprendedores, o motor da nosa economía funcionará sempre a pleno rendemento”.

Distinguiuse co “Premio Iniciativa Emprendedora” a empresa Bacos, especialista no negocio dixital, que axuda a grandes empresas a se reinventaren con produtos de alto impacto. Coa billa intelixente Tappy, fan posible a venda de cervexa de forma desatendida, en calquera lugar, o que revoluciona a venda tradicional.

Por outra banda, a entidade Kiwanda Labs foi a galardoada co “Premio Iniciativa Empresarial” polo seu labor ao axudar a que as empresas poidan chegar máis lonxe, con menos recursos, ao resolver problemas de inventario, trazabilidade, seguridade e redución de diminucións, mediante o uso da tecnoloxía RFID.

A firma de bisutería Carmelamola, o sóftware de agricultura Osigris e a empresa Qaroní recibiron os tres accésits á responsabilidade social empresarial, internacionalización, creación de emprego e innovación.