Entregados os premios PEL da Deputación da Coruña


A Deputación da Coruña celebrou en Oleiros o acto de entrega da IV edición dos premios PEL, uns galardóns cos que a institución provincial recoñece cada ano ás mellores empresas da provincia, as iniciativas de asociacións empresariais e concellos en materia de emprego e aposta polo desenvolvemento económico.

“Os premios PEL recoñecen o talento a innovación das pequenas empresas da provincia. Todas elas, co traballo diario das persoas que hai detrás, contribúen á reactivación económica que tanto necesitamos tras a pandemia, crean emprego e permiten que A Coruña siga a ser o motor económico de Galicia”, afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que presidiu o acto de entrega dos galardóns.

Un acto que estivo conducido polo popular presentador Brais Doval, e contou coa asistencia do vicepresidente, Xosé Regueira, o deputado responsable da área de Emprego e alcalde de Culleredo, José Ramón Riobóo, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane e o presidente do xurado e da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla, así como numerosos representantes do mundo empresarial da provincia da Coruña.

Galchimia, empresa de química orgánica que desde Touro converteuse nun referente internacional no seu campo, e as burbullas astronómicas de Albarari (Oleiros), premiadas como mellores empresas consolidada e de recente creación.

A coruñesa BionixTechnologies, galardoada polo desenvolvemento do primeiro respirador artificial fabricado en Galicia durante a pandemia da Covid-19.

O Concello de Brión, o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (BIOGA) e a xornalista de El País Sonia Vizoso completan a lista de gañadores nas distintas categorías do galardón.