Entroido, frío e campaña política confluíron na feira dominical de Carballo

2 minutes read

A menos de cinco graos abría a luz do día este domingo de Entroido en Carballo. Iso non foi impedimento para que os vendedores ambulantes, moitos de froita baixo carpa, pero xa afeitos a temperaturas xélidas, montasen os seus postos de venda neste 11 de febreiro con máis ben pouca concorrencia de público, posiblemente pola gran cantidade de oferta de actividades relacionadas co Entroido por toda a comarca.

Máis afeitos á calor dos despachos que ao frío, numerosos representantes políticos das formacións que concorren ás eleccións autonómicas do próximo domingo tamén estiveron madrugadores. No escenario habitual da confluencia das rúas Coruña con Desiderio Varela, catro dos partidos que se presentan ao 18F, PP, BNG, PSdeG e VOX, montaron mesas informativas baixo jaimas para expoñer as súas respectivas propostas para os próximos catro anos.

Presenza de Santiago Abascal

O presidente de VOX, Santiago Abascal, levantou unha gran expectación este domingo na feira de Carballo. Entre fortes medidas de seguridade valorou o recoñecemento, por parte do partido popular, de analizar, durante 24 horas, a lei de amnistía e a posibilidade de que o PP ofrecese un indulto a Puigdemont. “O señor Feijóo fixo da estafa a súa maneira de estar en política, dicindo unha cousa e facendo outra”, lamentou Santiago Abascal. “Cando os cidadáns comproban que lles estafan e lles menten toman a decisión de abandonar (a eses partidos); espero que eso ocorra e que aposten por alternativas que falan con claridade e que non menten”, dixo en alusión ao seu partido. Logo achegouse a comer o polbo acompañado do candidato, Álvaro Díaz-Mella, e do representante de zona, Manuel Gómez Eiroa.

Santiago Abascal, xunto ao candidato Álvaro Díaz-Mella, este domingo en Carballo.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?