Cómpre lembrar que as familias en posesión dun título de familia numerosa en vigor xa poden cubrir desde o pasado día 6 de agosto o impreso de solicitude de alta no apartado da páxina web da sociedade concesionaria: www.autoestradas.com, para beneficiarse das bonificacións.
Os novos descontos permitirán que unha familia que se desprace desde A Coruña ata Carballo pola AG-55 pague só 2,55 €, fronte aos 5,10 € actuais, dado que a volta está bonificada ao 100% e lle sairá gratis.
As bonificacións son acumulativas, polo que as familias numerosas poderán engadirlle a esta bonificación os descontos do 50% en horario nocturno. Así, por exemplo, unha familia que se desprace ás 5:30 horas da madrugada para acudir ao traballo e regrese ás 17:00 horas, poderá optar á bonificación do 50% da ida por horario nocturno e do 100% da volta.
Para beneficiarse destes descontos, é necesario que o mesmo vehículo sexa obxecto do pagamento do traxecto de ida e volta nun prazo máximo de 24 horas desde o abono da viaxe de ida. O coche deberá utilizar como método de pagamento un sistema de peaxe dinámico ou telepeaxe, con OBE.
O sistema vinculará cada familia a un dispositivo de telepeaxe e a un vehículo para aplicar a bonificación correspondente. Cada familia numerosa poderá asociar un dispositivo de telepeaxe, que poderán ser dous nos casos de familias de categoría especial ou integrada por pais divorciados.
A activación desta nova bonificación leva aparellada a implantación de 70 cámaras e o software necesario para a identificación e lectura da matrícula asociada á familia.