Un camión de recollida de lixo envorcou este venres no quilómetro 7 da DP-0513, en Monteagudo. Os seus dous ocupantes conseguiron saír ao exterior, pero non baixar de enriba do camión pola importante altura ata o chan. A circulación quedou interrompida no punto.
Tanto un traballador non implicado coma os propios accidentados entraron en contacto co 112 Galicia para informar sobre o acontecido. De feito, pouco despois da primeira comunicación explicaban que os axudaran a baixar, aínda que precisaban asistencia sanitaria.
O camión obstaculizaba completamente a circulación no punto, polo que os servizos de emerxencia procederon a cortar o tráfico ata o restablecemento das condicións da vía.
Neste operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e Protección Civil de Arteixo e da Laracha. Informouse, á súa vez, aos Bombeiros de Arteixo e aos servizos de mantemento da estrada.